Reflexións sobre os efectos dunhas cousas sobre outras.
O que para uns pode ser tan bo, pode ó mesmo tempo, ser tan malo para outros.
QUE LIÑA TAN SUTIL PODE SEPARAR A DESGRAZA DO GOZO
No campo de concentración de Dachau, en Alemaña tiñan no seu arco de entrada o seguinte lema escrito en ferro: “O traballo faravos libres”. Ben... pois a primeira reflexión que me ven os mioliños é que os “campos de concentración” existiron. Digo isto porque hai iluminados negacionistas da historia, que nos queren facer crer que non existiron, en Alemaña nin en España. Este lema estendeuse despois a outros centros de exterminio coas súa duchas de morte con gas e outras crueldades inimaxinables.
Un que non so le, senón que ten capacidade de pensamento, chega á segunda reflexión. Que frase tan bonita esa de “o traballo faravos libres”. Pero claro, se a vexo nun centro de estudos, nun centro de aprendizaxe, como destinada a alguén que comeza un grande cometido, pero dedicárllela frase a alguén que ti estás poñendo no camiño do seu final por exterminio, hai que ser moi sarcástico e moi fillo dunha mala raposa.
Por outra banda faise moi difícil aceptar que haxa seres humanos capaces de crear ese tipo de traxedias e ó mesmo tempo ver tantos seres humanos pechando os ollos para non poñerlle remedio a estas cousas cando estaban a pasar. Isto faime pensar tamén onde estaban o resto de Gobernos e Estados de Europa e do mundo. ¿Onde estaban as Relixións e os mandatarios das distintas Igrexas? Penso que os silencios nestes casos, este tipo de silencios, son terreos estercados para que medren estas falcatruadas humanas, ou directamente asasinatos e exterminios masivos.
Isto parece vello por ser unha nova doutro século, ¿Non?. Ben... pois hai un país de África chamado República Democrática do Congo (cando eu era rapaz, Congo Belga, así non hanos parecer mais próximo), onde nestes intres, nestes “tempos modernos” se matan homes, viólanse mulleres e úsanse ós cativos coma escravos para sacar da terra o Coltán. O coltán é un mineral metálico, composto de Columbita e Tantalita, usado na fabricación de compoñentes y condensadores con tecnoloxía de última xeración.
No “Barrio da Comodidade” no que vivimos, podiamos ter sobre a entrada outro lema, que podería ser: “O noso pracer, a vosa desgraza” . Seres humanos sofren mortes, violacións e escravitude infantil, polo que xa se deu en chamar “Tecnoloxía da Sangue”. Mentres que aquí, no noso “Mundo Civilizado”, esperamos ansiosos o estreo do noso novo móbil, o cambio do noso ordenador, ou agora que se nos está a falar do coche eléctrico, con pantalliñas nos respaldos, para que os viaxeiros dos asentos traseiros podan “gozar desas comidas de tarro” que representan eses modernismos.
¿Como se esperta un tranquilo pola mañá, vivindo nunha sociedade que pasa a vida tecendo desgrazas, para a cambio das desgrazas dos demais, alimentar a nosa vaidosa felicidade de mentira?. ¿Os que non tiveron móbil, non foron nunca felices?. ¿Cando se nos vai ensinar como é a verdadeira felicidade, e en que consiste?
Perdoarme se coas miñas reflexións vos fago mala sangue. Pode parecer que hai cousas que era mellor non sabelas. Como se di do avestruz “metela cabeza debaixo das ás”. Pero se lembran, a esta sección chamámoslle “Pensemos”, eu sempre digo que pensar e bo, aínda que se pensen cousas malas.
volver