GALICIA E OS TOUROS
Data: 1 de abril de 2021
Isto vai de como o imperialismo instituido nos impuxo as toureadas en galicia.
GALICIA E OS TOUROS

Pasan os anos, pasan os séculos e comprobamos que hai problemas que non pasan. Ás veces somos tan inxenuos que pensamos que hai problemas que son cousa do pasado, coa idade comprobamos que, algúns desapareceron, outros son novos, pero tamén os hai que seguen aí, mais ou menos camuflados, pero aí, resistindo o paso dos tempos. 

Os galegos sempre tivemos a nosa idiosincrasia e a nosa personalidade de pobo particular e irrepetible. Pero tamén é certo que isto sufriu a través da historia moitos embates do imperialismo dominante e transgresor, que nunca perdeu a ansia de transformarnos e domearnos ó xeito deles.
 
Un exemplo destes feitos foi no seu día a imposición da tauromaquia na nosa terra. Terra na que a vaca e o boi foron o noso alimento, que nos deron leite, traballo, abono, calefacción e tantas cousas mais que lle debemos. Na casa onde había animais, había riqueza e non merecían estes animais o trato que se lle daba nas toureadas.

A crítica non se refería so ás corridas de touros, senón que abarcaba a calquera festexo con maltrato aos animais: a corrida do boi, o boi á corda e outras. Córrense as vacas, despois de axudaren ós labregos en tódalas súas angueiras e de viviren na súa compaña. Se os animaliños falaran, xa nos dirían que así lle paga o demo a quen o sirve. 

No século VXIII xa alguén escribiu o que agora lles relato.

Van as cousas de Galicia, de tal modo e maneira, que rebento de coraxe, cada vez que penso nelas. Pois con este mundo ó revés, que se puxo a nosa terra, xa que os homes van facendo, cousas que o xuízo negan: estamos lagrimexando por ilustración e ciencia, i en vez de facer escolas onde os rapaces aprendan, facemos prazas de touros, que á barbarie representan. A agricultura está morta, o comercio en decadencia, a industria para alá vai, seguindo a mesma carreira i en vez de lle dar adianto ás forzas da nosa terra, cal se nugallás fósemos, man sobre man con indiferenza, deixamos que todo morra, que todo nela pereza, e cando medo nos pon, tanta desgraza e miseria, cando os males que sufrimos, nos van matando coas penas, cando dos pobres os verros, ós nosos ouvidos chegan e vemos ermos os montes, os soutos, os vales e as veigas, entón covardes fuximos, fuximos da nosa terra, e sóoo para nos manter, imos segar a Castela ou alá no alleo chan, no estraño chan das Américas , deixamos a Galiza orfa, e morrendo de tristeza.

Queda aquí moi patente que a falta das escolas e cultura non é un mal dos nosos días, en tódolos tempos se queixaron do mesmo e aí sigue o problema.

Na mesma época, criticaban na Coruña que, se convocaba un certame de poesía con 30 días de prazo, cando meses antes se anuncia unha festa con touros, para satisfacer ós “cabezas de cabaza”, cualificando a devandita festa  de “barullada”.

No 1.877, xa houbo críticas cuns versos que dicían: que por seguila costume, hai que facer tales cousas, así o dispón a Vila e non ten quen se lle opoña. Cando en España tiveron a mal fadada idea de fomentar estas lías de touros, eramos unha ignominia de nación diante dos ollos de Europa.

A cambio do “privilexio” das toureadas, somos o pobo que menos lee de Europa, e o que menos libros publica. Nas casas da nosa Galicia non atoparemos un silabario, pero si dúas ou tres fotos dun toureiro famoso. Artigo publicado no ano 1.913. No ano 1.921, outro artigo dicía que estabamos a ser invadidos polo imperialismo que prexudicaba á nosa identidade, facendo medrar en nós a cátedra da chulería, da masculinidade parva e fachendosa dunha cultura salvaxe.

Ese imperialismo era o mesmo que facía burla dos touros galegos. Esta mansedume dos bois galegos converteunos en símbolo de como é o home galego: traballador, sufrido e manso.

Case que temos resolto o dos touros, pero... as escolas? ... a lectura? ... a cultura en xeral?. Temos mais escolas?, leemos mais?, publicamos mais libros?. Teremos que     aceptar a conclusión de que hai problemas que non tiveron ao longo de anos e séculos a solución desexable. ¿Sería moi iluso pensar que a nosa xeración porá solución a estes males?. Nono sei, gustaríame pensar que si.






volver
Asociación de xubilados e pensionistas de Coruxo.
Estrada Camposancos 226, 36331 Coruxo
asociacionavoa@gmail.com
686 93 15 46