OS NENOS QUEREN SABER
Data: 25 de abril de 2021
Os nenos sempre queren saber o "porqué das cousas"
OS NENOS QUEREN SABER “O PORQUÉ”

É verdade, os nenos sempre queren saber o porqué das cousas. Debo ser un pouco neno aínda, porque cando algo chama a miña atención, endexamais quero quedar sen saber o porqué de cada cousa. Lendo un libro chamou fortemente a miña atención que para anunciar un funeral na honra de Castelao se nomeara sómente como caricaturista.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, naceu no concello de Rianxo o 29 / 01 / 1.886, e finou en Bos Aires o 07 / 01 / 1.950. Soterrado no Cemiterio de Chacarita. Non era por entón Castelao un emigrante coma tantos outros galegos. Castelao era un exiliado, escapando da morte segura que os Franquistas lle tiñan reservada para el, como fixeron con tantos outros.
Castelao, ademais de ser caricaturista, era moitas e importantes cousas mais. Narrador, Ensaísta, Médico, Dramaturgo, Autor, Debuxante, Político, Pai do Nacionalismo Galego, Figura mais importante da Cultura Galega do Século XX, Deputado en Cortes da República e parte do Goberno Republicano no exilio, Defensor do Estatuto de Autonomía de Galicia, Académico da Real Academia da Lingua Galega, Galeguista Independente para as Cortes Constituíntes da Segunda República e participante da Constitución do Partido Galeguista. A República era o Goberno Legal daquel intre, saído das urnas, non un Goberno imposto ao través dun Golpe de Estado como foi o seguinte á Guerra Civil do ano 36 con duración de corenta anos.
Volvamos ó principio. ¿Como é posible que un personaxe desta dimensión e categoría sexa nomeado en ton despectivo coma “caricaturista”.
Os amigos de Rianxo anunciaron o seu funeral, no xornal La Voz de Galicia do 17 de xaneiro de 1.950, para ser celebrado o día 20 de xaneiro e na nota necrolóxica referíanse a el como Alfonso R. Castelao. Caricaturista. ¿Como encaixar isto? ¿Desprezo, ignorancia?.
NON.  ¡¡ Claro que non !! Isto tiña un importante motivo. Tan importante como que o día 8 dese mesmo mes, o Goberno da Ditadura de Franco enviara a seguinte orde a todos os Xornais da Prensa Española ao través da súa “Dirección Xeneral de Prensa”.
*** Habendo falecido en Bos Aires o político republicano e separatista galego Alfonso Rodríguez Castelao advírtese o seguinte: A nova da súa morte  darase en páxinas interiores e a unha columna. Caso de inserir fotografía, esta non deberá ser de ningún acto político. Eloxiaranse unicamente do falecido as súas características de humorista, literato e caricaturista. Poderase destacar  a súa personalidade política, sempre e cando se mencione que aquela foi errada e que se espera da misericordia de Deus o perdón dos seus pecados. Da súa actividade literaria e artística non se fará mención algunha do libro “Sempre en Galiza” nin dos albumes de debuxos da Guerra Civil. Calquera omisión destas instrucións dará lugar ao correspondente expediente.***
Paren o mundo que me quero baixar. Quédome sen comentarios. Mudo. Esta nota de orde estrita do Franquismo deixa todo dito. Xa sei porque os amigos de Rianxo anunciaron deste xeito, “sen xeito”, o funeral desta ilustre e respectuosa persoa. So dicir que ninguén coma Castelao representa “O fardelo do exiliado”, “Unha árbore coas raíces ó aire”, “Vieiros de saudade” ou o “Deber da memoria”. Se non se coñece a Historia, córrese o rico de repetila. O ler, prexudica gravemente a ignorancia. Vivir sen ler é perigoso,  obrígate a crer todo o que che digan. ¿Non sería fermoso que as bibliotecas foran mais importantes que os bancos?.




volver
Asociación de xubilados e pensionistas de Coruxo.
Estrada Camposancos 226, 36331 Coruxo
asociacionavoa@gmail.com
686 93 15 46