SO SERÁ UN PENSAMENTO
Data: 1 de enero de 2021
UNHA REFLEXIÓN QUE NOS CONVIDA A LER E PENSAR
SO SERÁ UN PENSAMENTO

Ben amigos, comeza un novo ano, con el reafirmo a petición de que veña abondoso para todos e que culmine os desexos que poidamos ter. FELIZ ANINOVO.
Dito isto, lembrar que sempre prometín non dar consellos a ninguén, quen son eu para facelo, así que non tomen o escrito de hoxe como nada diso, mellor pensen que é unha reflexión destinada a cumprir coa misión desta Sección, que non é outra que convidalos a pensar. “pensar é bo aínda que se pense mal”. “Pensa mal e acertarás”. Pero iso era antes, agora é: “pensa mal e quedaraste curto”. 
Como tamén a nosa maneira de pensar podemos manexala, educala, recoméndolles a lectura para que sen decatarnos aprendamos a pensar. Se pensamos, farémonos preguntas, se lemos tamén, pero a lectura terá o poder de que saibamos contestarnos a esas preguntas. Ademais a lectura fará que teñamos mais preguntas, porque a sabedoría e a ignorancia parécense moito nunha cousa: quen ten sabedoría sempre ha querer ter mais, quen ten ignorancia tamén quer máis. Isto cúrase lendo.
Poñámonos entón como propósito de aninovo ler mais, ter resposta a mais preguntas. Non fagámolo parvo con frases coma “, non sei quen son, nin de onde veño, porque son feliz coa parvoeira que teño”. Mellor lembremos que “quen ten sabedoría ten dúbidas, que ten ignorancia ten certezas. Nos libros está todo
Xa que a educación que tivemos de Nacional-Catolicismo nos prohibiu tantas preguntas e tantas respostas, ó mellor chegou o intre de telas ó noso dispor. É doado, é de balde, so consiste en querer ler. Hai na nosa cidade unha Biblioteca  Pública na que che dan un carné co que podes recoller toda caste de libros que despois devolves sen ningún custe. Así de fácil. Non quero ser exemplo de ninguén, pero dígolles que lle estou a sacar grande proveito e teño, iso si, cada vez mais preguntas , pero tamén mais respostas.
É moi triste vivir unha vida enteira sen saber a diferenza que hai entre un “Ilegal Golpe de Estado que acaba nunha Guerra e un “Glorioso Alzamiento Nacional”. É moi frustrante non saber que houbo Partidos Políticos que non deron o seu voto a favor da Constitución Española e agora van de mais constitucionalistas ca ninguén. Que hai Relixións que loitaron séculos contra as vacinas mais indispensables para a saúde da Humanidade, aínda que agora estean agochadiñas coa vacina do COVID-19. É triste non saber porqué nosa nai traballou coma unha mula (con perdón), e chegado o momento non tiña pensión por non haberen cotizado por ela, nin saber que se agora cobra unha “Pensión Non Contributiva” é porque alguén decidiu que había que corrixir semellante inxustiza. Sei de moitos que non coñecen isto.
¡Cantas preguntas! ¿Non si?... Pois tódalas respostas están nos libros. Nos libros de agora, claro, nonas busquen na “Enciclopedia de Álvarez”. Tranquilos, ó mesmo tempo que van lendo van aprendendo de seu, que libros lles interesa ler. Van aprendendo que preguntas se queren facer e onde atopar as respostas. O ler é o que ten, da liberdade e poder. ¿Será por iso que houbo tanto interese en que non leramos?... Pois ben, debe ser xustamente iso.
Se fun moi pesado perdoarme, so persigo unha conclusión: reflexionemos, non queiramos tragar con todo o que nos boten, saibamos distinguir entre o que nos dan e o que realmente queremos. Isto conséguese lendo. Nunha soa palabra... PENSEMOS.




volver
Asociación de xubilados e pensionistas de Coruxo.
Estrada Camposancos 226, 36331 Coruxo
asociacionavoa@gmail.com
686 93 15 46