Estimados socios: diríxome hoxe a vós coa intención de falar algo sobre este tempo que nos tocou vivir. Recoñecer de antemán que fomos unha xeración moi afortunada ata o día de hoxe, pois poucas xeracións poden dicir que viviron sen unha guerra, xa sexa civil ou mundial. Tamén se podería falar de distintos tipos de gravísimas pandemias e desgrazas xeneralizadas de moi distintos tipos. A actual de momento non se pode cualificar así.
Podemos pensar que xa lle chega ben, que morre xente que pertence a un colectivo que non merecía de ningunha maneira este final pa súa vida. Podemos queixarnos de mil cousas e pasalo día lambendo as nosas feridas. Cada un ten as súas, penso que non hai ninguén que non teña de que queixarse. Como soemos dicir, cada un sabe as súas. Claro que si.
Pero non adiantamos nada pensando así. Coa nosa pesadume, coa nosa actitude negativa so conseguimos agrandalas nosas penas. Somos moi dados a pensar que as nosas desgrazas son sempre mais grandes cas dos demais. Síntoo, non quero caer niso, non quero ser tan negativo. Xa sei que se di que “un positivo, non é mais ca un negativo desinformado”. Pois ben, aínda así, con todo iso pídovos non caer nese pozo sen fondo.
Vou contarvos unha fábula que nos pode axudar a cambialo xeito de vela vida. Caeu nas miñas mans estes días e fíxome pensar: ¿Porqué non podemos vela vida deste xeito?... ¡Cóntovola!.
Estaba esta persoa pensando na súa vida... nas pesadumes, nos grandes traballos, nas moitas dificultades para sacala adiante, no dura que chegaba a sela súa vida e no pouco que estaba a conseguir para ofrecerlle ós seus. Fundido nestes pensamentos, chegou á conclusión de que as súas penas eran coma carga dunha cruz encima das súas costas. E pensando na cruz pensou tamén en Deus. Chegado a esta conclusión, púxose a pregar a ese Deus que lle cambiara a súa cruz por outra menos pesada, mais livián.
Deus, mirando a pena tan grande desa persoa díxolle: “Vai a un grande almacén de cruces, deixa esa cruz túa e alí escolle a cruz que sexa da túa medida, a que sexa mais livián para ti”. A persoa foi e fixo iso, deixando a súa cruz no medio das moitas que alí había. “Deu mil voltas” e decatouse das distintas clases de cruces que tiña para escoller. Pesadas, grandes, pequenas, gordas, fracas, longas e curtas. Cando despois de moitas voltas e moitas dúbidas na elección, decidiu coller unha nova cruz e levala con el, por parecerlle mellor ca que deixara... presentóuselle Deus e díxolle... ¿Como escolles esa cruz, se esa cruz é a mesma que ti traías?
Pensade... ¿Que pasou? Pois pasou, que tódalas cruces que alí había, eran moito peores que a del. Reflexionou e deulle grazas a Deus por facerlle entender a súa mensaxe. Cando os nosos problemas nos parecen esmagadores e insuperables, temos que aprender a mirar os problemas dos demais. Ollando no noso redor decatarémonos, de que os problemas da nosa vida, aínda sendo grandes, son mais soportables ca os dos demais. Decatarémonos de que a pesares das nosas pesadumes, somos moi afortunados por non ter os problemas que teñen outros. Que a nosa cruz non é a peor de todas.
Se algo disto, que non é mais ca unha fábula, nos serve para aliviarnos os días tan malos que estamos a pasar, axudémonos pensando que sempre haberá alguén en peores condicións ca nós, teñamos a humildade para entender que somos afortunados por moitas cousas das que gozamos. Un agarimoso saúdo a todos e ata outro momento para pensar.
volver